Teatro sen máscaras pola visibilidade
A compañía 'A Panadaría' percorre Galicia para traer ás táboas unha interpretación comprometida sobre a historia de Elisa e Marcela, as primeiras mulleres das que se ten conta en casar… Aló polo 1901. 116 anos despois, convírtese na primeira obra de teatro en galego cunha trama explicitamente lésbica.
Unha escenografía minimalista, danza, musical, xogos de luces, comedia e textos documentados e moi coidados para sacudir a lesbofobia baseándose en feitos reais. O que é o mesmo, Elisa e Marcela, a primeira obra teatral galega cunha clara trama lésbica, unha proposta que a compañía de teatro A Panadaría está a levar polos teatros galegos nestes meses, coa pretensión de realizar unha adaptación en castelán que faga chegar fóra das fronteiras galegas a historia das primeiras mulleres en casar en Europa no ano 1901.
A súa interpretación da historia destas dúas mulleres –da que xa faláramos en Pikara Magazine– realízase desde o compromiso coa visibilidade, “porque o teatro non é só entretemento, queremos que sexa político”, indican as integrantes de A Panadaría. E non quebrantan ás súas propias palabras: hai política, desde o propio convite para as primeiras persoas en chegar ao despacho de entradas, que debían dicir “ola, son lesbiana” para obter as entradas, ata a loita cos concellos que non querían programar este espectáculo por “fomentar a homosexualidade”, ou o traballo en conxunto cos que si quixeron apostar por esta obra activista e fomentar obradoiros e roteiros que complementan nunha vertente didáctica o relato narrado no espectáculo.
“Cremos que hai moitas reivindicacións imbricadas no feito de contar a historia de Elisa e Marcela. En Galicia temos reivindicado moito a outras mulleres como Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán, pero Elisa Sánchez e Marcela Gracia son un segredo para grande parte do pobo galego a día de hoxe”, explican. A memoria destas dúas mulleres presumiblemente anónimas leva a falar doutros casos de travestismo funcional a inicios do século XX, doutras revolucionarias da época como as toureiras Nicolasa Escamilla ou María Reverte, incluídas no propio espectáculo.
A historia de Elisa e Marcela está chea de suxestivos baleiros, nesgada pola prensa da época e cunha visión moi sensacionalista. “Sabemos moi pouco alén de que casaron, estiveron no cárcere en Porto e despois en Buenos Aires. No proceso de creación da obra tivemos que ir elixindo o que íamos dar prioridade e como íamos construír os fíos que unisen eses baleiros, aceptando certas renuncias”, detallan.
A acollida en Galicia, onde están representando desde outubro, está a esgotar entradas ó pouco de anunciárense. Mentres preparan unha versión en castelán para programar xira no 2018, en paralelo, grazas ó apoio do Centro Dramático Galego e aos Concellos da Coruña, Rianxo e Vimianzo, impulsarán actividades paralelas destinadas principalmente á mocidade e a persoas maiores. Striptease de xénero ou Tortigrafías, cartografías do desexo racharán a barreira da visibilidade con intervencións urbanas que cuestionarán o binomio de xénero, reconstruirán a arquitectura queer e realizarán un itineario sensorial para falar de sexualidade, memoria e visibilidade.
“Queremos plantarlle cara a lesbofobia e celebrar que nos seguimos amando e que somos visibles”, sentencian as integrantes de A Panadaría. Sen ánimo de facer spoiler, rescatan un anaco da canción que despide o espectáculo: “Neste mundo gris onde falta luz imos ser estrelas que iluminen o camiño, beixos e aloumiños as nosas armas, pois sabemos que amar non debe estar prohibido”. Báixase o pano, pero a representación transcende o vivido nas táboas para rachar prexuízos nas rúas.
PRÓXIMAS FUNCIÓNS:
Febreiro:
17. Viveiro – 18. Sada – 22. Monforte – 23. Carballo
Marzo:
1. Ourense – 2. Ames – 3. Noia – 8. O Rosal – 9. Neda – 11. Cangas – 17. Oleiros – 23. Lugo
Maio:
5. Cedeira
Xuño:
15. Ribadumia – 29. Ponteareas