Cómpre desmitificar a universidade, todo o que alí actúa. A moito alumnado que atura clases mediocres sen dicir ren, mais sobre todo, a meirande parte do profesorado. Esa academia vista por moitas persoas que non tiveron a oportunidade de cursar estudos superiores como un xermolo de coñecemento, de pensamento crítico. Se soubesen… Na comodidade dos privilexios reproducen fielmente o sistema que en teoría din combater, traballando sempre na seguridade do xa visto e sen mirar de fronte a realidade, onde opera sen deterse aquilo que verdadeiramente oprime. Desde a súa verticalidade ollan con carraxe a insubmisión, as ansias de liberdade. Mais que dicir da complicidade do alumnado, que fica calado perante o exercicio do poder. A rivalidade sempre presente de párvulos á tese. “Non llo vou prestar, non vaia ser”.
Desde dentro comprobamos que o apoio mutuo nesas aulas magnas supón unha brincadeira. Deixamos facer e perpetuamos aqueles comportamentos que logo nas redes nos encanta derrubar. Ben sexa contra o patriarcado ou contra o capital. Construímos burbullas que nos afastan moi comodamente do real, pensando que non nos toca aquilo que acontece na rúa e nos postos de traballos precarios que algún día ocuparemos. Quérennos desconectadas e adormecidas facéndonos crer que somos a elite, a vangarda. E nesa posición, quen vai reaccionar perante unha inxustiza? Quen a vai combater se reproducimos os privilexios desde as aulas? Deste xeito permitimos que a profesora de Arte Galega castelanice a materia e que recomende ás alumnas respectar o decoro no acto de graduación en pleno século XXI, que logo os profesores falan.
Hoxe, máis que nunca, cómpre apostar polo labor autodidacta e espertar. A acción, as loitas transformadoras de verdade, custan e parece que aínda non estamos preparadas. Como imos dicir algo? Sendo radicais non se vai a ningún lado, din. As cousas xa se arranxarán polas vías legais. Confiemos na xustiza logo, na educación, mais sobre todo, na complicidade da xente.