Receita de poesía para as doenzas do século XXI

Receita de poesía para as doenzas do século XXI

Pilar Pallarés acaba de gañar o Premio Nacional de Poesía, é a primeira galega e o seu libro constitúe a segunda obra en galego.

Pilar Pallarés. / Foto: Distrito Xermar (https://www.aelg.gal/)

Quen non soña con un cuarto propio? Con ese espazo que construímos de memoria propia? A ausencia deses lugares chega a xerar pequenas dores, case físicas, que non se solucionan con menciñas: a dor da casa levantada pola familia que ven a ser derrubada pola ilóxica capitalista. Porque precisamos espazo para máis aeroportos. En máis cidades. En máis vilas. Para voar á vila veciña. Ordenación urbanística fronte á ordenación dos sentimentos acubillados durante toda unha vida.

Este sentirse desarroupada, este exilio de teito e pedra, e a perda en si mesma son eixos do poemario Tempo fósil co que Pilar Pallarés acaba de gañar o Premio Nacional de Poesía. Fala do que non somos quen de transmitir no xornalismo máis curtido en desastres. As xornalistas sempre aspiramos a mover conciencias e ampliar miradas, pero nisto a linguaxe poética ten contada bagaxe a favor.

Modestamente, só podo contextualizar. Mentar a Pilar Pallarés significa nomear á quinta muller galardonada das 42 edicións do Premio Nacional de Poesía. Ela é a primeira galega e o seu libro constitúe a segunda obra en galego. Porque a cuestión da lingua tamén importa. Igual que a casa familiar se entende como o soño dunha xeración, a lingua representa a defensa de clase. Ela fala da consciencia lingüística adquirida. Do galego como unha patria en si mesma e como unha casa que habitar, esa que nunca poderá tirar ningunha forma de avaricia. Ela, que quería ser pintora e acabou publicando o seu primeiro poemario, Entre lusco e fusco, co apoio de Luis Seoane, entre moitas voces coetáneas da literatura galega.

E precisamente esas voces da literatura galega, conxugadas coa consciencia lingüística foron moitas das ensinanzas que tamén aprendín das súas aulas en Zalaeta. O traballo coas persoas adolescentes, aínda con ese mundo por descubrir, notábase como unha das súas paixóns. E así, arrolada por esa paixón na súa oralidade, coñecín ás poderosas poetas dos noventa, e así caín en Yolanda Castaño, Chus Pato, Lucía Aldao, María Lado… e tanta sabiduría e emoción -palabras coas que fallaron o premio no seu favor- que, crédeme, no meu botiquín de urxencias sempre amosan os versos capaces de axudarme a reconstruír a realidade.

En realidade Pilar Pallarés, Tempo fósil e o galardón foron un pouco escusa para falar disto que tiña enquistado e non lograba sacar, da necesidade de profundizar na vida máis aló dun tuit ou un caption de Instagram con ínfulas de fachendosa sensiblidade. Cando hai doenzas que as menciñas non curen, lembrade que está a poesía. Na vosa lingua, en calquera que comprendades nun mínimo. Tende sempre a man os vosos versos, poemas ou poemarios de emerxencia, nunca sabedes cando serán produtos de primeira necesidade.

Este artículo fue publicado inicialmente en la edición en papel de El Salto.


Le tamén:

Download PDF
Etiquetas: ,

Artículos relacionados

Últimas publicaciones

Download PDF

Título

Ir a Arriba