Menos teorizar e máis pracer!

Menos teorizar e máis pracer!

'Pleasure activism' serve de axenda do que debemos voltar poñer no foco da consecución dos nosos dereitos e da preservación do planeta, porque como defende Adrienne Maree Brown, “o que fai sentir ben é sostible”.

23/12/2020

Portada ‘Pleasure activism’

A miña idea do pracer ampliouse lendo a Adrienne Maree Brown. Reparaba noutro hedonismo antes de mergullarme en Pleasure activism, se ben é certo que a propia autora fai unha declaración de intencións incitando a cultivar un orgasmo antes de coller o libro e de comezar cada sección (iso garante seis como pouco!). Entón, que definición do pracer atopamos aquí? Ollo, spoiler: “O pracer é a medida da liberdade”, segundo Maree Brown. Ó pracer sáenlle moitos apelidos: o pracer compaixón polas demais, o pracer resistencia política, o pracer amor propio, o pracer psicotrópico, pracer consentido, pracer postraumático, pracer funcionalmente diverso e, por suposto, o pracer pornográfico e sexual.

Pleasure activism serve de axenda do que debemos voltar poñer no foco da consecución dos nosos dereitos e da preservación do planeta, porque como defende Maree Brown, “o que fai sentir ben é sostible”. E como todo isto ten que transcender o papel, esta axenda das cuestións que preocupan ven acompañada dunha serie de “deberes duros e quentes”, nun xogo de palabras deliciosamente sexual que segue a tónica da linguaxe sensorial que compón os textos feitos e escollidos por ela.
Empregando a honestidade radical que propón nas relacións con, polo menos, cinco persoas do noso entorno máis próximo, hai que dicir que non atoparemos ideas revolucionarias, máis ben unha selecta escolla de pensadoras que axuden, dunha vez por todas, a que “fagamos da revolución algo irresistible”, en palabras da mencionadísima Toni Cade Bambara.

Se hai algún fío que falla por tecer neste patchwork son o antiespecismo e -algo que si cita- a pouca interseccionalidade queer do feminismo negro nos 80, recoñecéndoo como potenciador dunha narrativa racial única e monoétnica… pero comprendamos que tampouco é un ensaio duro, doutro xeito non figuraría como un libro superventas. Sería outra historia, e desde logo perdería o empaque na meirande parte de xente posible en favor dunha cabriola barroca que a levaría a ningures. Quedemos con ese afán por poñer en práctica o pracer e incluílo no discurso teórico, twerking mediante. Porque “os teus praceres medrarán contigo, nunca digas nunca” en palabras dun poema de Maree Brown.

Download PDF

Artículos relacionados

Últimas publicaciones

Download PDF

Título

Ir a Arriba