Hackea a quen hackea
E se hackeamos nós a Facebook? Repensemos a nosa relación coas redes sociais e aproveitemos a conexión entre persoas para o ben común.
“Quero arranxar a compañía e mellorala, non danala” dicía a The Wall Street Journal Frances Haugen, exempregada de Facebook. Haugen filtrou a documentación que detalla que a empresa é plenamente coñecedora do uso malintencionado que se fai dela: non delimita a propagación de desinformación, permite a explotación de campañas con fins políticos (caso de Cambridge Analytica), sabe do dano psicolóxico que xera en adolescentes polo seu algoritmo viciado… Coido que toca pensar o que queremos dunha rede nacida para “conectar o mundo”, segundo o seu lema duns bucólicos inicios como punto de encontro de exalumnado universitario.
Teño entre as mans Mindf*ck, o libro onde Christopher Wylie describe todo o proceso levado a cabo para alterar campañas políticas grazas aos datos obtidos de xeito ilexítimo a través de Facebook. Relata algo que semella vital para recompoñer o noso lugar no metaverso: “a filosofía hacker ensinoume que se cambias a túa perspectiva cara calquer sistema, ordenador, rede, incluso sociedade, podes descubrir fallos e vulnerabilidades. Como rapaz gay en cadeira de rodas, cheguei a comprender os sistemas de poder ben novo. Como hacker, aprendín que todos os sistemas teñen as súas debilidades, que están agardando a que alguén as explote”. E se hackeamos nós a Facebook? Que datos estamos cedendo e que parte das nosas vidas privadas e traballos cedemos ao triunvirato de Facebook (Whatsapp, Instagram e Facebook, coas súas vertentes empresariais)?
A vixilancia debe ser revertida: ser conscientes, primeiro, dos datos que lle outorgamos e das imaxes e documentos que subimos voluntariamente á rede. En segundo termo, non demonizar. Ou é que o movemento do 15M tería sido o mesmo sen a existencia de redes sociais que axudaran a difundir outras correntes de pensamento?
Si, Facebook declara abertamente que o seu algoritmo organiza a información segundo uns criterios totalmente subxectivos, pero somos quen de crear a nosa propia burbulla social alimentada por contas que promovan un pensamento crítico. Ese pensamento crítico do que temos que tirar cando vemos contas a todas luces falsas que propagan praxes de astroturfing (acción artificial e intencionada de viralizar certos contidos). Por sorte, hai sistemas de medición de grafos que permiten analizar a polarización das conversas e nos axudan a poñer en contexto supostas tendencias que en realidade son propagandas infladas (destaco os Hilos y Grafos de Barri).
Talvez si, neste caso, as ferramentas do amo si desmonten a casa do amo. Plataformas supostamente sociais naceron cunha intencionalidade que podemos recuperar para o ben común (Wallapop, AirBnb, BlaBlaCar…) se aprendemos a hackear a quen hackea.