Máis suor e menos bágoas no cárcere
A actividade física, planificada como estratexia terapéutica, está probada como unha ferramenta que empodera ás mulleres durante a estancia no cárcere e facilita a súa reinserción. Con todo, a burocracia dificulta a posta en marcha deste tipo de dinámicas rehabilitadoras.
A institución penitenciaria -como tantas outras- rexistra nos seus obxectivos unha serie de bos propósitos e orientacións máis aló do punitivo, como suposta ferramenta facilitadora da reinserción social. Na realidade, suor e bágoas custa atopar unha achega neste senso que poida ter unha continuidade e seguemento terapéutico. Aparece a primeira das preguntas: por que segue a poñerse trabas a actividades inocuas como o exercicio físico, cando se ten probada a súa efectividade nese proceso de reinserción? Tras analizar este asunto nun monográfico sobre cárceres de Pikara Magazine, a resposta é clara: en algún punto deses obxectivos deshumanizamos o aparello social que garante a supervivencia das persoas.
Si, a palabra exacta é “supervivencia”. Tanto dentro como fóra do cárcere o que se estila é o illamento, a incomprensión e o tabú. Desde o xornalismo só podemos poñer o foco e altofalantes aí, pero precisamos de máis voces e mans que axuden a derrubar os muros da fronteira imaxinaria entre o bo e o malo, o aceptable e o inaceptable. Estereotipos e dicotomías que levan a perpetuar un sistema que non reinserta.
Aquí sumamos todas, incluíndo toda a tipoloxía de traballadores das institucións penitenciarias. Escribimos sobre iso procurando respostas, mais só saen máis preguntas: en que momento da carreira de funcionariado pode chegar a xerarse esa capa impermeable ó benestar das persoas? Cando sostemos privar dunha actividade terapéutica a alguén como método punitivo?
Resulta mesmo contraproducente este cancelar terapias como castigo, tendo en conta que se trata dun entorno no que a droga “mala” circula con certa permisividade. A droga “boa” do deporte, doutra banda, só xera endorfinas e empoderamento, especialmente nas mulleres, un estrato aínda máis minorizado dentro do cosmos do cárcere. Sen edulcorar, desde logo, nin vender métodos milagreiros, porque por si só o deporte non salva a ningúen da espiral da delincuencia, pero si supón un soporte no que atopar alivio colectivo e individual. Por que infravalorar estes pequenos xestos que tanto aportan?
Cómpre unha revisión máis macro de que queremos facer co cárcere, pero mentres exista, permitamos que entren o xogo e o compañeirismo, as actividades informais que facilitan avances neses espazos virtuais onde o entorno logra difuminarse para recuperar a personalidade. A nosa construcción como sociedade está tamén dentro deses muros. Na posibilidade de poñerlle ó asunto máis suor que bágoas: que introducir un reproductor de música dentro non sexa o problema, e que deixemos que saia fóra todo o ruído que nos impide escoitar os berros xordos das persoas que queren ser quen poderían de non terse truncado o camiño da vida. A pelota está no noso tellado.