A ruralidade conectada
Lograremos aproveitar as oportunidades da dixitalización no eido rural ou seguiremos a demonizar e romantizar a partes iguais o auténtico progreso socioeconómico?
No país do millón de vacas seguimos a ter unha débeda pendente co rural. Galicia é moito máis que os puntos conectados pola AP9, e o concepto de rural transcende das aldeas remotas e o sector primario (que tamén). Como podemos impulsar de xeito efectivo os modos de vida alén das cidades?
Sen ir máis lonxe, temos o caso da Costa da Morte, un recuncho de grande riqueza social, cultural e económica, onde se atopan núcleos poboacionais extensos que ata o ano 2016 non estiveron dotados dunha conexión rápida por estrada. Da rede de transporte público mellor nin falar, xa que fóra do eixo atlántico resulta case obrigatorio dispoñer dun vehículo propio… ao tempo que, como paradoxo, temos unha subvención a todo tren precisamente para esa rede que xa está dabondo conectada.
Voltando a ese punto onde os romanos (e seica os gobernos actuais a nivel autonómico e nacional) pensaban que acababa o mundo, as iniciativas que agroman nesta zona vense perxudicadas pola ausencia de rede e interconexión… e aínda non falamos do dixital. O Camiño dos Faros é unha delas. Trátase dunha proposta para artellar unha sorte de ruta turística baseada no deporte e o respecto ao patrimonio social, natural e cultural da Costa da Morte, que une en 200 quilómetros de costa Malpica e Finisterre. No seu devir topou con múltiples problemáticas e barreiras burocráticas para poder ser homologada e así facilitar cuestións tan básicas como o mantemento dos camiños coa eliminación da maleza, algo que fan persoas voluntarias de xeito totalmente altruísta. No seu décimo aniversario esta proposta que revitaliza nove concellos rurais (aloxamentos, bares, tendas…) segue sobrevivindo co traballo da Asociación O Camiño dos Faros, e desde a súa web e redes sociais non deixan de loitar incansablemente por evitar que os sendeiros queden no esquecemento.
Non quedemos con mal sabor de boca. O colaborativo si tivo cabida nunha alternativa que está a funcionar na mesma zona, o iSlow coliving, un espazo que desde este ano ofrece en Laxe un lugar no que convivir e mesmo traballar en rede aproveitando as sinerxias entre visitantes, persoas emigradas e a propia poboación local. O auxe do nomadismo dixital axudou a impulsar unha tendencia que está procurando eses outros xeitos de vida fóra da masificación das urbes. Non esquezamos que, no que respecta a certas tarefas, podes desenvolver a mesma produtividade nunha oficina ateigada en Madrid, malvivindo nun aluguer precario, sumando á contaminación e os atascos, que nunha vila da costa galega promovendo a economía local.
Considerando estes exemplos e os seus beneficios, vai outra pregunta de despedida: lograremos entender por fin que a ruralidade conectada é máis que poñer outro wifi no millo?
Le máis: