“A algúns autores parécelles desproporcionado que se publique un 30% de mulleres”

“A algúns autores parécelles desproporcionado que se publique un 30% de mulleres”

Yolanda Castaño ven de ser gañadora do Premio Nacional de Poesía. Tomamos este galardón como excusa para repasar os últimos proxectos da poeta e xestora cultural profundamente comprometida co activismo e a divulgación.

Yolanda Marcos. / Foto: Marcos Míguez

Non era necesario un Premio Nacional de Poesía para falar con Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977). O seu constante e incansable traballo na xestión cultural e na creación literaria xa dá a percha de actualidade que procuramos no xornalismo. Por algo reza un dos seus poemas do premiado Materia: “A xente devece por multiplicarse, eu dividiríame”.

Os versos de Materia, obra recoñecida polo Premio Nacional de Poesía 2023, parten dunha reflexión crítica sobre a renuncia á maternidade, o peso da crianza, a familia, a desigualdade e o reparto dos coidados. É unha obra sen dogmas, nas que se recoñecen as propias contradiccións e se deixa espazo ás amigüidades. E, como acontece no resto das súas obras desde Elevar as pálpebras (1995), fían os seus poemas o feminismo e o posicionamento a prol do galego como lingua que serve de espello cultural no que reflectirse.

Tres dos últimos cinco galardóns nacionais do Ministerio de Cultura recaeron en mulleres galegas (entre elas, Pilar Pallarés). É o momento das periferias de xénero, xeográficas e lingüísticas?

Diríache a mesma resposta que tiveron os varóns durante moitos séculos: debéronse estrictamente pola calidade, ou así quero pensalo. Aquí inflúen tendencias históricas: por exemplo, Emilia Pardo Bazán non fora admitida no seu momento na Real Academia Española. Véxoo como unha sorte de compensación a todas aquelas voces que, durante moitos anos, afanáronse en arremeter contra a nosa autoestima, en lembrarnos que non merecíamos ser escoitadas.

Esa compensación da que falas é lida por algúns autores como Alberto Olmos como “unha redundancia agotadora”

Durante estes 30 anos de carreira sentín que a intención de ir contra as escritoras era que abandonáramos. Hai voces que din que se publican moitas mulleres, cando en realidade o que acontece é que pasamos de ser un 0,5 por cento a un 30 por cento, e iso parécelles desproporcionado. Colles os datos reais e non supoñemos nin o 50 por cento das obras publicadas.

Nos noventa a Olga Novo, Lucía Aldao, María Lado, a ti… se vos criticaba por “ir de poetas”, e agora sodes “empoderadas”. Que mudou nestes trinta anos para provocar ese cambio de concepto?

Atopei un cambio de contexto que responde a transformacións sociais e políticas que xa son históricas. Os mesmos comportamentos foron tildados de soberbias, creídas, e hoxe son, efectivamente, empoderados. Antes eramos trepas e agora somos escritoras feitas a nós mesmas, pasamos de frívolas a donas do noso corpo e da nosa imaxe. É certo que o descrédito e o parternalismo cara o noso traballo foron suavizándose, e mesmo nos enfrentábamos a acusacións que hoxe serían impensables, existe evolución positiva. Por exemplo, preguntas dedicadas ao meu aspecto (supostamente eu non tiña o aspecto que se esperaba dunha poeta), e como iso restaba potencia á miña obra.. O que non sabería dicir é se hai máis convicción que corrección política.

Levaches os teus poemas a Xapón, Kenia, China… que trouxeches ti destes lugares e como impactaron na túa escrita?

Intentei levar noticia dunha cultura e lingua particular, unha tesela ao mosaico da diversidade no mundo. Atopei de volta máis respecto e menos prexuízo do que encontraba dentro da casa, curiosidade intelectual, interese por unha nova lingua romance e cultura na que participa o céltico, atlántico, hispánico, ibérico… E debo dicir que achei máis empatía en latitudes chocantes, como na India, onde se entendeu moi ben a posición do galego e o castelán entre poetas que falaban punjabi, malati, malabar, canarés fronte ás linguas do imperio como hindi e inglés, e respondían a tradicións seculares moi potentes. Tamén teñamos en conta que son minoritarias con 40 millóns de falantes. En Latinoamérica, onde se fala zapoteco ou quechua, empatizaban igualmente coa resistenia da poesía.

Es a poeta española que máis se prodiga no estranxeiro, isto é un pulo para a lingua galega?

Non sei se teño as ferramentas para analizar isto a nivel cultural. Si noto un momento máis aberto ás minorías, ao plurilingüismo e á multiculturalidade, a un posicionamento que apele ás persoas pola transversalidade. Hai polarización, aínda que creo que é coherente esa visión de pensamento único e lingua única, talle único… co diametralmente contrario, con promover talle para todo o mundo. O sistema sexo-xénero resulta amplo e acolledor para todas as realidades… Sinto que non son un caso illado. Unha das poetas que está saíndo ao estranxeiro desde Francia é a poeta occitana Aurélia Lassaque. É interesante esta tendencia, faise complexo e adquire matices: hai romaneses que escriben en alemán, checos que empregan o alemán -como Kafka-… Estas arestas enriquecen o panorama. As supostas minorías (que ás veces se nos inclúe aí ás mulleres), sumadas todas non son números tan residuais. En realidade, que non é minoritario en cultura? Todo o é.

 

A faceta de Yolanda Castaño como xestora cultural merece unha pequena acotación. Desde 2009 dirixe e promove POETAS DI(N)VERSOS, o único ciclo mensual de poesía que acolle poetas estranxeiros de xeito regular en España nun diálogo aberto con voces galegas. Por este programa teñen pasado desde Premios Pulitzer americanos de poesía (Louise Glück) ata candidatos ao Nobel de Literatura.

Desde hai 12 anos desenvolve o Obradoiro Internacional de Creación Poética na Illa de San Simón e, desde febreiro de 2019, ofrece a Residencia Literaria 1863. Trátase dunha casa mariñeira rehabilitada co obxectivo de profundar en proxectos de escritura a través de institucións que patrocinan estancias dun mes na Coruña para autores de todo o mundo. Nestes 4 últimos anos xa acolleu a vinte creadores de Xeorxia, Bolivia, Holanda ou Filipinas.

Son iniciativas con apoio público (Concello da Coruña e Xunta de Galicia, fundamentalmente), pero que contan á súa vez coa inversión particular da propia Castaño, que se hipotecou ata, alomenos, a xubilación, no proxecto de residencia literaria da cidade da Coruña.

Que estratexias de xestión cultural cres que poden axudar a democratizar a poesía e a cultura? Ti mesma fixeches as túas achegas no coñecido programa da Televisión de Galicia Cifras e letras, cos teus videopoemas… Tes a polivalencia de ser quen de impartir un obradoiro a crianzas como unha conferencia a nivel internacional.

Primeiro considero que hai que entender a literatura como un legado comunitario que axuda na creación da identidade. Logo hai que ter en conta que boa parte da literatura recae nos ombreiros das creadoras, polo que penso que deben dedicarse máis apoios a elas. Existen moitas axudas para os premios a posteriori, pero estas deben vir durante o proceso creativo, por iso defendo o modelo de residencia artística, tras terme aloxado en varias desde 2010 (Todas, Munich, Pequín…). Por último, os poderes públicos deberían destinar recursos á xestión da cultura e á súa accesibilidade para todo o mundo.

En moitas entrevistas falas de que xa “case ninguén” che pide facer un traballo gratis. De que xeito podemos desprecarizar a cultura?

Nós podemos ofrecer resistencia, se ben non está todo na nosa man. Como autocrítica creo que debemos preguntarnos “que estou a facer eu para que me paguen?”. Hai que facer esa reflexión interna. Isto vaille custar a persoas que levan anos sen cobrar e agora queren facelo. Se seguimos aceptando convites gratuítos e condicións pouco dignas tampouco acabamos de construír o tecido necesario. Eu mesma son un botón de mostra neste investimento de saliva, pedagoxía e tempo explicando a nosa situación e non entregando a forza de traballo de xeito gratuíto para rédito político ou do que sexa. O gratuíto ten que ser o acceso, non a producción cultural, poño por caso as bibliotecas. Debemos agremiarnos e non ter respostas individualistas, se defendes “a min me valen estas condicións”, entón estás rachando o mercado para con outras, habería que apostar por algo cun sentido máis colectivo.

Que papel lle queda á poesía despois de ocupar as páxinas da sección de cultura con premios e efemérides?

Teño unha opinión ambigua. Son crítica con que se poña o foco en fitos, porque eclipsa o resto. Tamén penso que se non se falase nese momento non se falaría nada. Desde logo que habería que trascender premios e efemérides. A visión poética debería estar máis presente e transversal a moitas cousas, está moi próxima á filosofía, empregando outro tipo de ferramentas, non tan racionais pero si intuitivas, irracionais, expresionistas e emocionais. Estas ferramentas son importantes no ser humano e forman parte do cognitivo, porque o coñecemento non é só racional. Entón, isto pode subvertir o discurso imperante, o pensamento contemporáneo basease niso. Relacionar as palabras fará que vivamos doutro xeito. Hai xente moi ben formada pero despois fáltalle un ser querido e vense sen onde sosterse. A arte e a cultura proporcionan ese apoio, teñen utilidade niso. A pandemia esinounos algo, que non só viviamos de alimento.

Download PDF

Artículos relacionados

Últimas publicaciones

Download PDF

Título

Ir a Arriba