Download PDF

“De homes maricas e muller cabalón líbranos, señor”

“De homes maricas e muller cabalón líbranos, señor”

Nos contos, refráns e ditos da literatura tradicional oral é posible atopar referentes de diversidade sexual. O investigador Carlos Callón repásaos a través dun estudo, mentres persoeiros do eido cultural como Rodrigo Cuevas ou o grupo de cantareiras Tanxugueiras axudan a manter vivo ese legado que forma a nosa identidade individual e colectiva.

Rodrigo Cuevas, axitador folklórico. / Foto: Lacosta Studio

12/06/2024

 

“No colexio estudamos referentes como Rosa Parks, coñecemos as revoltas de Stonewall… pero que ocorre coa memoria local?”. O músico e axitador folclórico Rodrigo Cuevas ten claro o peso das historias de proximidade na construción da autoestima colectiva.

El mesmo procurou recuperar do esquecemento a historia de Rambalín, homosexual recoñecido no Xixón dos anos 70. “A súa lembranza debería terme chegado, porque foi asasinado dez anos antes de nacer eu, e o seu funeral fora masivo como unha manifestación”, comenta. E por que non coñeceu antes este legado? “Porque se non temos a tradición oral os nosos referentes non existen. Os libros só falan da historia a nivel macro, e iso trae consigo que a nosa memoria local acabe avergoñándonos e perdéndose en favor do que ven de fóra”, resposta.

Recuperando a irreverencia dos contos colorados

Fronte á imaxe estereotipada, o grupo de cantareiras Tanxugueiras defenden as comunidades rurais tradicionais como “máis abertas do que poden parecer”, e a tradición oral como “canle para a expresión e unha vía para espallar a irreverencia e a retranca”. Engaden que a foliada “era un espazo máis transgresor e liberador do que poidamos imaxinar hoxe”.

Tanxugueiras defenden que a foliada “era un espazo máis transgresor e liberador do que poidamos imaxinar hoxe”.

Esta tradición irreverente chega a nós a través de compendios como algúns dos editados polo estudoso Antonio Reigosa, quen participou na escolma Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral. “Este tipo de contos non se compartían en calquera lugar nin ante calquera audiencia. Facíase en sesións selectivas entre persoas, xeralmente do mesmo sexo e de xeracións próximas”, explica, e rememora que cando el era rapaz quen llos transmitían eran mozos algo maiores, nunca de vellos a novos nin dentro da cadea de transmisión familiar. “Esas sesións foron a escola de descubrimento da sexualidade en toda a humanidade durante séculos e séculos”, detalla.

Reigosa coincide coas Tanxugueiras en que a xente do común manifestaba certa tolerancia á diversidade sexual fronte ós altofalantes mediáticos: “A literatura de tradición oral non é belixerante coa evidencia. Ao contrario, trata os temas que forman parte da realidade das persoas”. Critica, doutra parte, que o problema da literatura de tradición oral é “que fora arrombada como cultura marxinal polos mesmos poderes fácticos que pretenden marcar o camiño ético de toda a sociedade”.

Os contos colorados e a ollada LGTBIQA+

Podemos atopar historias de diverxencia sexual nos contos tradicionais? Reigosa deféndeo e aclara que existe simboloxía e unha expresión “mediante claves e estereotipos que ás veces non entendemos na súa profundidade”, declara.

Quen anda a descifrar estas claves e estereotipos é Carlos Callón, estudoso que xa publicara en 2011 o ensaio Amigos e sodomitas: a configuración da homosexualidade na Idade Media. Atópase a piques de rematar un primeiro compendio de literatura tradicional con foco LGTBIQA+ baixo o nome provisional De homes maricas e muller cabalón líbranos, Señor. “Interésame visibilizar aquelas cousas nas que ninguén repara mesmo téndoo diante dos ollos”, explica Callón de xeito conciso. Para realizar esta análise está a revisar documentos xa publicados “con lentes non heterosexistas”. Documentos nos que xa se falaba dun matrimonio entre dous homes no século XI, “mais os estudosos facían como se isto non estivese, porque a academia continúa a ser refractaria, nega esta diversidade e acaban facéndose aberracións sen rigor”, critica Callón.

Chegaron a modificarse manuscritos de cantigas medievais, como unha cantiga amatoria na que se falaba de xeito insistente de cabaleiros que procuraban maridos

Sobre estas aberracións, Callón destaca que chegaron a modificarse manuscritos de cantigas medievais “para que queiran dicir o que o editor desexaba ver”. Cita o caso dunha cantiga amatoria na que se falaba de xeito insistente de cabaleiros que procuraban maridos: “Acabou indicándose que era un erro, que buscarían, en todo caso, maridas, xa que sempre prevalece a mirada heterosexual”. E cando non se eliminan estas pegadas da diversidade na nosa literatura, acaban obviándose, segundo relata Callón: “Na miña pesquisa atopei moitos libros que afirmaban que non existía nada sobre diversidade sexual… agás esta nota a pé de páxina. Sumando todas esas notas acabas elaborando un compendio que aporta máis á visión do sistema literario do momento que case o resto do libro”, sentencia.

A pesar desta ocultación e deturpación da realidade, Callón sostén que temos que sentir orgullo pola presenza de estudos sobre a dimensión sexual da literatura, como o feito por Antonio Reigosa, “xa que, no fondo, todo desexo sexual non destinado a procrear resulta desviado, e iso tamén inclúe á heterosexualidade”, afirma. Ademais, a literatura galega é, segundo Callón, a que máis aportacións fixo a este tipo de enfoque fronte ó resto de literaturas tradicionais ibéricas.

Nesta revisión de textos de literatura tradicional eminentemente oral, Callón atopa contos nos que a diversidade sexual se reflicte sen agresividade, con certa brincadeira e mesmo deixando entrever certo orgullo, como o caso da figura do xastre.

 

O XASTRE E OS RAPACES

Ía un xastre para casa coa súa cadela, e había uns rapaces que querían tratar dun traxe con el, pero non sabían como se chamaba, e gritábanlle:

-Home do can! Home do can!

Mais el non respostou, e dille á cadela:

-Anda, cadeliña, anda,

anda cara Vilaousán,

que nin os xastres son homes

nin a cadela éche can.

 

Otra cuestión interesante é atopar simboloxía que hoxe en día é a identitaria do colectivo LGTBIQA+, coma pode ser o arco da vella. Na literatura tradicional, xunto coa lúa, significaba un cambio de sexo.

 

O MANFLORITO E A LÚA

Unha tarde de inverno estaba unha moza de Recaré na cociña coa nai, cando pasou por alí Fermín da Gaita, que era manflorito, unhas veces home e outras muller, dependendo da lúa. Fermín tiña barba mesta e andaba sempre vestido de negro, cuns calzóns por debaixo e unha saia por riba. O caso é que naquel día sentou ao pé do lume e pediu unha copa de viño. A muller deulla e estiveron falando un anaco. Ao anoitecer di Fermín:

-Voume, que hoxe son muller e teño medo de que se metan comigo.

A muller resposta:

-Déixate de lerias, Fermín, que ti es home.

-Ah, si? -di el-. Pois mira logo.

E quitou a camisa. A muller tapou os ollos da filla coa man, mais a nena viu entre os dedos que Fermín tiña un peito de muller.

De alí a un tempo, sendo verán, estaba a pequena a pastar nas vacas na Alvariña, cando viu a Fermín espido ao sol. E aquel día era home.

Son salientables os contos que describen a un marido impasible ante a súa muller pasando a noite “a cabalo” de outra, ou a peculiaridade de que unha muller poida desenvolver anatomicamente un pene se mallan nela, algo interpretado por Callón neste conto como unha defensa para evitar a violencia (“non batas en min ou terei un pene”).

 

Tanxugueiras, grupo de folklore galego. / Foto: Rocío Cibes

 

A CURMÁ DE XEMERÁS

Houbo unha vez unha muller que tiña un mozo e deixouno para casar con outro, que era un xanciño, mais tiña cartos.

Non moito despois de casaren foi a muller á feira e atopouse co mozo que deixara e faloulle el:

-Vaia, muller, entón deixáchesme pola riqueza.

-Xa ves.

-Agora nunca máis imos durmir xuntos…

-Podemos, ho -dille a moza-. O meu home é doado de convencer. Pon roupas de muller e para o mércores vés durmir á miña casa. Xa verás como durmimos xuntos!

Quedaron entón daquel xeito. A muller chegou a casa e dille ao seu Xan:

-Ai, Xan, se soubeses quen vin onte na feira!

-Quen, muller?

-Vin á miña curmá de Xemerás. O mércores vai vir á nosa casa. E non me deixarás durmir con ela, ho?

-Deixo, muller, deixo –dille o home-.

Chegou o mércores e o antigo mozo vestido de muller entrou na casa. E durmiran os dous na mesma cama.

O Xan ergueuse cedo, e para saír do seu cuarto tiña que pasar por onde durmían a muller e o amante. Viu que estaban moi agarrados, durmindo os dous, e di ao velos:

-Ai, ho, era boa verdade que lles tardaba verse, que están unha a cabalo da outra! Canto brincarían!

Foi manter os bois, almorzou, dispuxo todo e, antes de irse, voltou á habitación a ver se xa se ergueran. Ao verlle os bultos entre as pernas á curmá da muller, parecéranlle collóns. E dixo:

-Deixa que se ergan! Deixa que se ergan!

Mais foise da casa cos bois e tomou o camiño para as terras, moi incomodado.

Pola media mañá chegou a muller a xunto del, e berroulle desde a cabeceira:

-Xan, vou pola arada ou pola gradada?

E dille el:

-Ven por onde queiras, que hoxe voute mallar!

-Ai, home, e mallarás! Pasarame como á miña curmá de Xemerás, que de unha tunda que lle deu o home ten dous collóns como dous pans!

Tamén hai textos en xénero neutro dos que, estima Callón, “consideralos heterosexuais suporía falsificalos, xa que pode tratarse de dúas mulleres, de persoas mesmo intersexuais…”. Ante todo, defende revisar o que lemos con lentes de diversidade.

A pegada da tradición na axitación folclórica do presente

“Descubrín a música tradicional e a forma de vida que implicaba tras pasar oito anos nun pobo entre Lama e Cotobade (Galicia). As miñas veciñas eran pandereteiras, e grazas a elas coñecín un mundo que aínda estaba vivo nesa cosmovisión antiga. O comunitario é magnético”. Así describe o axitador folclórico Rodrigo Cuevas a súa transición cara o rural e a tradición. Pola súa parte, as Tanxugueiras salientan que a tradición pon no centro o colectivo fronte ao individualismo, “e iso é revolucionario”, manifestan.

Aínda que tanto Rodrigo Cuevas como as Tanxugueiras son dúas figuras que levan a tradición ao momento presente, Cuevas chora a perda das canles de comunicación: “As prazas, as cociñas… eses espazos de ocio que daban corporalidade ó valor de transmitir as cousas, ao feito de sentarnos e escoitar a un vello prestando atención ós cantares, eses que tras escoitalos unha e outra vez chegas a coller máis matices nas súas distintas capas”.

As Tanxugueiras, pola contra, teñen en Luar, programa de espectáculos da televisión galega, unha canle de transmisión “clave na idiosincrasia do país”, segundo defenden. “Axudan a manter ese vínculo estreito que tiña o canto e o baile da tradición para a comunidade; é un espazo de encontro interxeneracional e liberador que acolle a diversa realidade do noso territorio: desde as agrupacións folclóricas que fixeron recollidas até as xeracións novas que buscan reinterpretar a nosa música de raíz”, proclaman. Sobre esa revisión dos textos tradicionais opina Rodrigo Cuevas que “debería evitarse calquera reinterpretación, igual que non revisamos a Carmen de Bizet”. Suxire, en todo caso, “contextualizar: celebrar os avances feitos e darlle valor a historia, poñendo sobre a mesa o que resta por conseguir”, sintetiza.

Conclúen as Tanxugueiras que a tradición “en si mesma, non é un valor”, e que só acada sentido “na medida en que nos miramos no espello e recoñecemos que somos responsables da construción da nosa identidade”. Un sentido que vai de atrás cara diante, xa que, segundo afirma Carlos Callón, “se coñecemos a historia verdadeira do que fomos, sen unha visión deturpada na que pensemos con prexuízos do presente os prexuízos do pasado, a análise final será útil para mellorar a convivencia nas sociedades actuais”.

Esta reportaxe foi publicada no anuario número 9 de Pikara Magazine, que podes mercar na nosa tenda en liña.
Download PDF

Artículos relacionados

Últimas publicaciones

Download PDF

Título

Ir a Arriba