Rodiñas

Rodiñas

Belén Regueira Leal

O xoves da Ascensión, día de festa en Santiago, aprendín a andar en bicicleta. Pareceravos se cadra pouca cousa, pero foi un milagre moito maior que a abdución do rei dos xudeus; aínda non baixei da nube.

A piques de facer corenta anos, cría que xa se me pasara o arroz da bici; sonvos moito de adiar as primeiras veces, para que me dea tempo a ler toda a bibliografía. Acabei descubrindo, máis unha vez, que somos moitas no pelotón dos problemas coas dúas rodas. Outra virxe do velocípedo sorprendeume hai uns meses co vídeo da súa estrea ciclista: “un dos mellores días da miña vida”, anunciou con ollos coruscantes. Despois pasoume o teléfono de Sila, que lles aprende a termar de si na bicicleta a persoas adultas, a maioría mulleres. Xa xuntas no lugar do milagre, parecería que Sila non facía gran cousa: algunhas indicacións técnicas, azos cando a aspirante se atoaba e ningunha présa. Imaxino que algo así fan as boas parteiras, acompañar e dar confianza durante a espera, mentres o propio corpo descobre o que sabe facer. En resumo, catro décadas a velas vir (as bicis) e en dúas tardes xa esprintaba. Teño probas gráficas.

Cavilando na fazaña e no discreto papel da miña escudeira decateime de que así aprendín case todo o importante e así me fixen conscientemente feminista: ao meu ritmo, escoitando as outras e enchéndome de mazaduras. O máis valioso que conquistei ao poñer as gafas lilas foi a confianza no meu siso e por iso me amolaría volver subrogar as miñas opinións, mesmo a risco de enganarme. O machismo contraataca con moita virulencia e é grande a tentación de renunciar ás dúbidas, á complexidade, á pluralidade, porque estamos en guerra. Discrepo. Non baixamos do ceo uns santos para subir outros nin rexeitamos o corsé binario como xeito de entender o mundo para conformarnos con dilemas do si e do non. Iso si sería unha vitoria do machoalfismo campante. Non precisamos rodiñas para a bici nin para o pensamento. Só avanzaremos se imos en grupo, pero que ningunha deixe de pedalear nin de pensar por si mesma.

Download PDF
Etiquetas:

Artículos relacionados

Últimas publicaciones

Download PDF

Título

Ir a Arriba