Ofendiditxs SA
A transversalidade non se ofende, deféndese para que todas entremos ledas e satisfeitas nela
Hai quen pensa que as opresións son inventadas, froito de complexo de vítima se cadra ou brazo de lobby exercendo o seu poder. E xa se sabe que se non podes contra o inimigo, deberías unirte a el. Porque quedou demostrado que si, que máis aló dos cancelos #MeToo e #BlackLivesMatter hai innumerables casos e todo un movemento social de apoio.
Se estás no mundo dixital xa verías que poucas marcas quedaron sen facer o #BlackOutTuesday publicando nas súas canles unha imaxe en negro como sinal de rexeitamento ó racismo en Estados Unidos. Esas mesmas marcas, institucións e mesmo persoeiros que, por unha parte intentan instrumentalizar a diversidade, só admiten a que supón un aumento da súa vaidade en redes sociais.
Mentres funden a negro a súa imaxe dixital seguen a infravalorar as capacidades das persoas con diversidade funcional, a discriminar inmigrantes polo seu acento á hora de falar o seu idioma ou a outorgar carnés de rexistro de sexo. Pásalle as persoas-empresa tamén. Nestes tempos tivemos que escoitar a autoras de vendas masivas de libros de ciencia ficción para adolescentes e mesmo a políticas de partidos de esquerdas determinar o que é ou non unha muller, achegando os seus argumentos ó ideario de Ofendiditxs SA.
Como se pertence a esta sociedade anónima? Cumprindo dúas normas. A primeira, respectando as diferenzas básicas e recentemente recoñecidas, pero sen pasarnos. A ver, que se hai que ter a un rapaz en adopción, se os únicos pais nese momento son unha parella de homosexuais… que lle imos facer. Pero como un pai e unha nai, non hai. Con isto claro, en segundo termo marcamos como ofendiditx calquera outra característica que poida provocar de xeito inequívoco unha desigualdade: trans, bisexuais, depresivxs, xente que usa “x” en lugar de desinencia de xénero, e un longo etcétera de minucias.
Nesta sociedade os dereitos concíbense como unha tarta da que queres levar a maior porción, claro. Para conseguir esa maior porción hai que loitas (imaxes bélicas sempre en mente). Veredes, máis dereitos para o lobby gay -nin me fales desa amalgama de siglas á que cada día suman unha letra nova- vai supoñer que o pink power esnaquice os meus.
Certamente, cando se comeza no activismo quítanse moitas peles e engádense moitas lentes. Se poñemos anteollos negros e reivindicamos que todas as vidas importan, non podemos mirar cara outro lado respecto a outras desigualdades. Se deixas entrar loitas como o feminismo ábrese unha porta de paso cara os corpos diversos, cara o antiespecismo, cara a igualdade en todos os ámbitos, e máis que irás descubrindo coa implicación como guía. E a transversalidade non se ofende, deféndese para que todas entremos ledas e satisfeitas nela.