Día das cinco galegas nas letras
Este ano vai Xela Arias a engrosar a listaxe de escritoras recoñecidas institucionalmente polo Día das Letras Galegas. Xa imos 5-56, queda pouco!
Congratúlense, lectoras feministas galegas. Este ano, o Día das Letras Galegas vai homenaxear a Xela Arias, a quinta escritora nos seus case sesenta anos de historia. Xa non queda nada para a remontada. Acouguen, señor(e/o)s. Que non será porque a cultura galega, precisamente, non dispoña de amplos exemplos de literatas que transcenden fronteiras, coma o caso de Olga Novo ou Pilar Pallarés, galardoadas co Premio Nacional de Poesía. Claro que temos este requisito de que hai que levar dez anos sen vida… mellor escribamos outras letras, non?
Non? Vale, menos dramatismo. É certo que comezáramos ben con isto de celebrar as nosas letras, pero entre Rosalía de Castro e Francisca Herrera Garrido, a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega, pasaron… 24 varóns.
Aínda que entrados nos 2.000 houbo un pulo á presenza de escritoras (tres delas, tampouco vaiamos excedernos de mulleraxe), talvez sexa o momento de darlle a volta ós libros. Ós libros e a quen os escolle, e repensar a festa incluso sen agardar dez anos tras a morte da escritora homenaxeada. Como ás institucións custa un pouco movelas (porque ese 5-56 vai estar complicado de igualar na vida desta que firma), nas marxes acabamos atopando redutos.
A plataforma de crítica literaria A Sega leva oito anos promovendo o Día das Galegas nas Letras, unha mirada alternativa sobre as escritoras que neste 2021 homenaxea a Uxía Casal, escritora de literatura xuvenil e de ficción científica. Claro que non será a quen vexas nos xornais (sen desmerecer a Xela Arias!).
Esta celebración nas marxes foi precursora das figuras que finalmente as Letras Galegas acaban recoñecendo (María Victoria Moreno con tres anos de diferenza -2015/2018- e Xela Arias con dous -2019/2021-). Mudan o día a unha data máis propicia para o solaz como é o 15 de agosto, Día da Nosa Señora (das letras galegas). E fronte ás garabatas das Letras Galegas, elas poñen a romaría das Galegas nas Letras. Pasamos páxina dunha vez ou teremos que agardar dez anos a ir morrendo?
Le mais: