‘Cobiza’: a primeira triloxía activista de ciencia ficción en galego
María Reimóndez lanza dous títulos, Cobiza e Multitudes, que forman parte dunha triloxía que destaca pola transversalidade na mirada a través dunha trama traballada de ciencia ficción en galego.
O que está a facer María Reimóndez con Cobiza (Xerais, 2021, e edición en castelán publicada en Dos Bigotes, Codicia, 2022) -e a súa segunda parte, Multitudes (Xerais, 2023)- é un fito na literatura galega e mesmo do estado español: a primeira triloxía activista de ciencia ficción en galego.
Fago unha paréntese aquí, xa que como a propia Reimóndez destaca en distintas entrevistas e espazos de presentación destas obras, nas letras galegas hai referentes da ciencia ficción con mirada feminista, nomeadamente Cris Pavón ou Uxía Casal, pero esta obra engade uns lentes que fan a mirada aínda máis aberta cara outras realidades.
Máis aló do feminismo, eixo totémico nas obras de Reimóndez, nestas dúas primeiras achegas da triloxía, atopamos unha ampla escolma das cuestións que están a debater os activismos nestes intres: sobretecnificación, cultura hacker, ecoloxismo, veganismo, xestación subrogada, diglosia, prostitución, amor romántico, colonialismo, racismo, clasismo, xénero, e mesmo hai oco para reflexionar sobre a espiritualidade e o papel da relixión. Todo isto, ademais, fiado cunha narrativa envolvente nun relato distópico de ciencia ficción que deixa con ganas de saber que acontecerá a continuación. Quen da máis en obras de 200 páxinas?
Para Reimóndez, os xéneros (literarios e os referentes á sexualidade humana) son carcasas que okupar e desde as que dinamitar a narrativa masculina imperante. Non en van, ela mesma cultivou desde narrativa infantil e xuvenil ata teatro, poesía e ensaio. A ciencia ficción sérvelle como excusa para, dunha parte, crebar o canon masculino imperante do formato e, doutra, darlle espazo a tramas e conceptos que a liberdade deste xénero lle facilita a través de mundos e seres diferentes á realidade coñecida.
Cobiza, a primeira entrega, xestouse no momento pandémico vivido en 2020, un gran momento para xermolar este tipo de historias, si, pero esta volta da escritora lucense aporta un extra ao que podería semellar excesivamente visto; non tan só no ecosistema das letras galegas, fóra incluso do estado español.
A obra foi gañadora da segunda edición do Premio Pinto e Maragota á Diversidade Sexual de Xénero. O xurado valorou toda a capacidade de achegarse a esta diversidade lonxe do exceso de didactismo, sen notárselle as costuras. As páxinas empregan distintos fíos que de xeito sutil e indirecto, mais sen lugar a dúbidas, acaban levándonos a preguntarnos por que damos por correctos e asumibles certos estereotipos e comportamentos da diversidade humana. E, a partir de aquí, agroman como plantas florecendo as miradas interseccionais.
A intelixente e orixinal proposta de Reimóndez parte dun planeta devastado pola contaminación, na que un mar conformado totalmente por plásticos divide dous mundos, os Recunchos e as Capitais (nos que xa existe un clasismo evidente desde a súa nomenclatura). Destes espazos agochados xorden tres seres creados de materia vexetal e con apariencia humana. Estes seres descoñecen a diferenciación por xéneros ou conceptos como a orientación ou a identidade sexual, o que permite que, desde as propias personaxes, Reimóndez poida plasmar estas cuestións desde unha perspectiva queer, como constructos sociais nos que estas persoas-vexetais dubidan por que deben encaixar.
É, precisamente, o poder da palabra, neses sutís matices como o emprego de nomes inuit ou de tribos africanas para designar ás personaxes, o que fai esta triloxía tan rica e con tanta potencialidade de análise. Nótase aquí a formación de Reimóndez como tradutora e intérprete, e a súa bagaxe profesional da que destacou que lle valeu na súa documentación para escribir ter participado en xornadas nas que se amosaban avances científicos que xeran ósos a partir de elementos vexetais. Ficción e distopía, si, pero coa base de realidade que mesmo lle outorga un cariz de terror á historia, pola posibilidade de que isto chegue a ser real antes do que pensamos se deixamos que certos discursos avancen.
O planeta que se presenta experimenta as consecuencias da sobretecnificación nun fenómeno coñecido como a Gran Desconexión. A sociedade tornouse analóxica, nunha división de persoas con dereitos -que ademais falan unha lingua diferente- e outras explotadas sexualmente con fins reproductivos ou ben na extracción de materiais entre capas de formigón. Ante esta situación, hackear o sistema desde o ecoloxismo e o feminismo xa se vislumbran como únicas saídas para poñerlle fin a ese clasismo tóxico que está a acabar cos recursos e a facer unha vida indigna para os seres que poboan este planeta.
Sen ánimo de facer spoilers, esta primeira entrega deixa con ganas de máis e, sabedora disto, Reimóndez non nos fixo agardar para saber se finalmente hai espazo nese mundo tóxico para unha alternativa baseada na equidade e na liberdade. Novamente aposta por unha soa palabra con forza e significado, Multitudes.
É de agradecer que, fronte os relatos catastrofistas, esta segunda parte profundice nesa esperanza que tan necesaria resulta nos movementos a prol da igualdade. Ese ánimo na posibilidade do progreso artéllase ademais facendo evidente como a procura da conexión no que nos une, en lugar de incidir nas diverxencias, é a chave para logralo: as súas personaxes sofren discriminación polas súas relacións homosexuais, pero só cando comprenden a racialización, clasismo… que comparten, son capaces de converterse nesa multitude que será quen de cambiar o sistema imperante. Unha multitude que nos lembra que as transformacións só veñen coas alianzas creadas pola polifonía de voces, e de canto máis lonxe das fontes de poder sexan, máis éxito acadaremos en non replicar ese sistema que se quere crebar, noutro último alegato antibelicista.
Que virá a completar a saga de Cobiza e Multitudes? Se cadra os vindeiros cambios políticos dirán se o que Reimóndez nos adianta é máis ciencia ficción do que pensabamos…
Mais ciencia ficción feminista: